Hoxe achégovos unha nova tarefa colaborativa para a aula de inglés.
Neste caso deberemos coñecer e crear os nosos propios Haikus en inglés, así escrito parece un lío mais preséntovos unha web que guiará todo o proceso do proxecto de xeito que se volva sinxelo e organizado. Inclúe desde o paso a paso ata como será a avaliación da tarefa.
Na web comezamos por introducir o tema dos HAIKUs, a estructura, temática, etc.
Na primeira fase os equipos terán que facer unha tormenta de ideas e vocabulario relacionado cos seus haikus (no meu caso cada equipo tiña que crear catro poemas, un relacionado con cada estación do ano) e comezar a coller práctica contando sílabas en inglés para crear os seus versos.
Nunha segunda fase cada equipo selecciona dous dos seus poemas para escribilos na plantilla e esas fichas pasarán por todos os demais equipos de xeito que os valorarán con estrelas e anotarán nos cadros como cada equipo melloraría os haikus dos demáis.
Ao finalizar a ronda as fichas volven aos grupos iniciais que discuten se inclúen algunha mellora e fan a súa versión final dos poemas.
Na última fase os equipos empregaran a web (tamén dispoñible en aplicación para tablets ou smartphones) HAIKUDECK para xerar as presentacións dos catro poemas (é unha gozada, o mestre/a pode abrir unha conta e todos poden entrar nela á vez, as presentacións autogárdanse, é intuitiva...)
Unha vez creadas as presentacións na web planearán como presentar os poemas diante da clase. Organizan como recitalos, poden incluir atrezzo, música, etc... e para a presentación o resto de equipos teñen tamén unha lámina para valorar as actuacións.
E durante todo o proceso poden visitar o apartado de avaliación para ter presente aquelo que se vai ter en conta.
Creatividade, cooperación, expresión en língua inglesa, poesía, vocabulario, traballo en equipo coavaliación e autoavaliación nunha soa proposta que vos animo a probar e adaptar nas vosas aulas.
Saúdos desde a fiestra!
Ningún comentario:
Publicar un comentario