Os alumnos e alumnas realizan a miúdo presentacións orais nas nosas aulas e nelas poden apoiarse en materiais coma presentacións (xeralmente dixitais) mais o certo é que, chegar a facer unha boa presentación que apoie o seu discurso non é doado, sobretodo porque é algo que poucas veces se explica (e que moita xente pasa por alto).
Cantas veces estamos presentes en charlas (de alumnos/as ou de outros adultos) nas que as presentacións teñen transicións tan esaxeradas que comezamos a prestar máis atención a cal será a seguinte que ao discurso do/a poñente? Cantas veces estivemos nese momento no que aquel que presenta algo le palabra por palabra os textos das diapositivas coa pesadez que conleva?
Xa vai un tempo que decidín empregar o material que aquí vos deixo antes de solicitar ao alumnado que faga unha presentación e eles mesmos/as aprecian a enorme diferencia entre as presentacións que elaboraron outras veces e as que fan despois de reflexionar un pouco sobre como estas funcionarán mellor diante do seu público.
A presentación que achego inclúe pequenos consellos con varias exemplificacións e eu adoito empregala esaxerando un pouco cada un dos aspectos que recolle, por exemplo lendo cun tono anodino e rápido a diapositiva que está chea de texto.
Ter unha boa presentación de apoio fará que os oíntes reteñan con máis facilidade os datos que nos desexemos, que presten máis ou menos atención a certos aspectos e tamén pode axudarnos a manter o fío do discurso, a non esquecer contidos relevantes, etc. así que podemos concluír que o realmente importante de incluír presentacións dixitais (ppt, prezi...) nas intervencións orais do alumnado de primaria será sobretodo aprender a facer presentacións de crecente calidade.
Saúdos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario