Xa estamos entrando en xuño e respírase no ambiente ese aire de pre-vacacións escolares tan recoñecible...
Por outra banda todos/as quen máis, quen menos, gústanos unha boa conta atrás, canto falta para o verán, para o aniversario, para -nonseical- excursión, para as festas da vila... e aos nenos/as tamén! Só hai que ver con canto tempo nos adiantan que van ser os seus cumples!
E diso vai o recurso que vos achego, é unha conta atrás para a fin do curso na cal cada día descubriremos unha pequena pero divertida actividade que se pode implementar nos últimos minutos da sesión correspondente.
Esta é unha imaxe interactiva, cada un dos números ten un botonciño que indica a actividade proposta, coa ligazón ao recurso descargable preciso para levalas a cabo. Se ben moitos especialistas xa non dispoñen nin de 10 sesións restantes nos grupos o recurso pode ser infinitamente adaptado con outros números, datas e, por suposto, outras ideas de actividades para as nosas contas atrás.
(Sitúa o cursos nos números para descubrir os botóns e os recursos!)
Resulta moi divertido ver como o alumnado está desexando descubrir a actividade da conta de cada día convertíndose nun peche de curso fabuloso no que podemos incluír desde xogos de repaso, competicións, bailes, actividades de exterior, reflexións, creatividade... o caso é que todo vale e, neste recurso, a maioría do protagonismo e elemento motivador é o feito de presentalo como dita conta atrás na que ir descubrindo as tarefas que se nos propoñen.
Agardo que vos sirva de idea e desfrutedes a vosa conta atrás.
Saúdos desde a fiestra!