Páxinas

24/10/2016

Xogos de rol no cole? "Pequeños detectives de monstruos"

Todos coñecemos famosos xogos de rol... eses xogos, que á vez son historias que imos creando mentras xogamos con nós coma protagonistas; uns son de cartas, outros videoxogos, ou con figuras e taboleiro... e despois están aqueles que se crean ou "viven" en primeira persoa. Son un alimento para a imaxinación, a creación literaria, o traballo en equipo e a diversión. Perfecto para a miña aula, pensei.

Coma por arte de maxia atopei nas redes un libro que non dubidei en mercar e certamente, foi un acerto.

O libro (que non é só un libro) chámase "Pequeños detectives de monstruos" (non o atopei en galego pero as historias desenvólvense na lingua que nós decidamos ;) ). 
Este libro, cunha coidadísima e preciosa edición, xa no inicio promete ser un elemento perfecto para achegar o mundo da creación e vivencia de historias e as aventuras de rol a nenos. A partir de 3 anos!


O libro é a guia perfecta para o "detective veterán" onde explica como preparar a nosa partida, é tan flexible que pode adaptarse a distintas idades, grupos, e formas de xogar. Incluso podemos plantexar a nosa partida ou historia cun taboleiro no canto de moverse polos espacios reais (aínda que xa sabemos o que preferirán os rapaces máis novos...)

Ensina as normas de xogo, tamén achega os modelos de "contrato coa axencia de detectives" (que au adaptei para a aula e a lingua), insignias, ferramentas para a nosa misión, e os perfís dun montón de monstros aos que podemos ter que atrapar (o dos segredos, o dos dentes sucios, do lixo...) ademáis dunha aventura de exemplo, historias, novas da axencia... buf.



Así que, ao adquirilo non puiden máis que poñerme a preparar a aventura que ían construír os nenos e nenas (neste caso de 1º e 2º de primaria).
A carta que recibirían solicitando se desexaban unirse á axencia de detectives para resolver o caso, o contrato de detectives, a ficha da misión que terían que levar a cabo, as ferramentas que poderiamos empregar, as pistas poderían atopar (ou non), as insignias que poderían recibir, comunicacións da axencia de detectives...

E paf! a nosa historia comezaba. 

Pode desenrolarse nunha soa sesión, en varias, en equipos, todos xuntos, as posibilidades son moitas e, sen dúbida as oportunidades posteriores tamén son destacables: escribir o que pasou na nosa historia coma un conto, contestar á carta que a axencia nos fai chegar se atrapamos e enviamos ao monstro, escribirlles, deixar algunhas pistas e que pensen ou inventen que tipo de monstro pode estar detrás delas, inventar personaxes...

A verdade é que o libro pareceume incríble para empregar así que si coñecedes máis deste estilo, adaptado aos rapaces, non dubidedes en contarmo. 

Ademáis agora que estamos na semana do Samaín... que mellor que crear unha historia na procura dun monstro fedello que se agocha pola escola!

Pronto publicarei os documentos desta aventura por se queredes desenrolar unha semellante ou coller ideas e se vos tedes algo semellante ou xa probastes este libro estaría ben compartir experiencias.

Agardo que vos resulte interesante e, aproveitando a data, lémbrovos que nesta outra entrada tedes uns libriños descargables para completar sobre o medo, na miña experiencia, os rapaces sempre disfrutan moito reflexionando sobre cada páxina e completándoo!

Saúdos desde a fiestra!



Ningún comentario:

Publicar un comentario