19/01/2017

Proxecto: Nos pés dos refuxiados a partir de 1º de primaria.

Vai un tempo publicaba esta entrada cun pequeno proxecto para 5º e 6º sobre o tema dos refuxiados que me deu moi bos resultados e foi unha moi grata experiencia de traballo.

Aínda así, andiven na procura desesperada doutras experiencias, ideas, recursos, etc. sobretodo para niveis máis baixos (A partir de 5º e 6º a verdade é que hai máis material que se adapta a eles, traballo con películas, organizacións, etc.). Grazas á rede e a algúns contribuíntes logrei descubrir algo máis de material accesible e algunha idea para así misturalo todo coas miñas ideas e o que eu buscaba para o meu grupo para xerar un proxecto funcional para 1º e 2º  (apto tamén para adaptarse a 3º e 4º).

(Fai clic na imaxe para acceder á web do proxecto)

O certo é que ás veces non son temas sinxelos de traballar cos niveis máis baixos pero co recurso axeitado e unha forma de desenvolvelo adaptada o resultado é moi, moi bó.

O proxecto comeza e pivota sobre un eixo central, o conto "La pequeña Carlota". Atopeino na web da fundación ACNUR e está dispoñible, de xeito gratuíto, en vídeo, en .pdf e tamén cunha guía e material de apoio ao profesorado. Este conto ten unha delicada e orixinal forma de narrar a viaxe dunha nena refuxiada e foi o punto clave para o desenrolo do proxecto.

Nesta web, tedes detallados todos os pasos que seguimos no proxecto, os exercicios, cartaces, debates, etc. que desenvolvimos.

Partindo do conto, traballamos sobre os sentimentos da protagonista, as necesidades básicas, etc. tamén traballamos cunha historia fotográfica que ampliou e deu máis realismo ás vivencias de Carlota; cunha dinámica de grupo nos fixemos "Señores/as Bo Refuxio" e fixemos gala da hospitalidade, solidariedade, etc.
Tamén aportamos luz e positividade ao asunto vendo coma distintas organizacións, concellos e colectivos se solidarizan e organizan para axudar aos refuxiados/as e tomamos outra perspectiva transformando con creatividade misiles en cousas positivas.

Coma punto tamén importante fixemos un repaso e traballo sobre a carta dos Dereitos Humanos, reflexionando sobre cales están sendo vulnerados.
Para rematar escribindo en grupo a carta que lle mandariamos ao actual presidente das Nacións Unidas (que sabemos?, que pensamos?, que se vulnera?, que pedimos?, como apelamos?...)

Todo isto tédelo máis detallado, explicado e con todo o material para descargar na web do proxecto así que vos animo a visitala.

Estando xa inmersos neste proxecto enterámonos dunha iniciativa que naceu en Castela e León e se foi estendendo por todos os centros do territorio, tratáse da interpretación dunha coñecida canción ("Como te atreves a volver") á que unha rapaza de 6º lle adaptou a letra, aquí aquí (ou en moitas outras webs, blogs e en redes sociais se buscades #CyLcantaPorSiria, #EspanaCantaPorSiria, etc.) tedes información e material para traballar dita canción se gostades de facelo coma colofón ao proxecto ou a algún outro tipo de traballo sobre o tema que lles dea unha visión do caso e reflexión antes da canción.

ACTUALIZACIÓN: A iniciativa da canción continúa difundíndose sen descanso polos coles e xa temos a versión en galego. Así que púxenme mans á obra e fixen o video karaoke da mesma. Podedes decargalo libremente AQUÍ!




Agardo que vos sexa de interese, inspiración e/ou utilidade o proxecto que no meu grupo está funcionando moi ben e no que os rapaces/as están moi implicados/as e co que estamos aprendendo un montón de cousas sorprendentes.

Podedes pasar tamén por esta outra entrada na que propuxen outro distinto para 5º e 6º sobre o mesmo tema.

Saúdos desde a fiestra

15/01/2017

O descubrimento: "Write" e "Tell about" Apps para expresión escrita e oral creativa.


Boas!Aquí veño co meu último descubrimento en materia de Apps (outra que me fascinou pola súa incrible funcionalidade está nesta entrada), se visitáchedes este blogue antes podedes saber que gosto moitísimo de traballar a expresión escrita e oral a través de propostas visuais como as que tedes nesta entrada , nesta outra e nesta tamén para descargar. Así que andaba na procura dunha App que me permitira crear as propostas e ao alumnado acceder desde algún iPad do centro, escribir ou gravar as súas voces, gardar, compartir... si, pedía demaisado pero... atopeino!! (para dispositivos iOS e Android!)

A app en cuestión chámase Write About This e si... está en  inglés mais ao permitir crear as nosas propias propostas, todo solucionado! 

Á primeira ollada xa caín rendida aos seus pés, sinxelaintuitivabonita, cun montón de propostas xa precargadas e creadas por docentes (para os profes de inglés xa un puntazo!), adaptable (o/a profe pode activar ou desactivar as opcións de responder con gravacións, ou pedir que despois de escribir graven lendo o escrito...) e as respostas escríbense e grávanse na propia app coa posibilidade de gardalo nos perfís (podemos crear un perfil para cada alumno/a) compartilogardalo en galería (para subilo despois a un blogue, por exemplo) etc.

Non é perfecta, por exemplo boto en falta, na creación de propostas, que permita engadir unha lapela como de "instruccións" ou "pistas" ou "axuda" na que poidamos incluír palabras que poidan empregar, ou o inicio dunha frase de axuda, ou explicacións para gravar xa que a interfaz está en inglés, ou recordatorios de normas de puntuación, etc.


Ademáis... eu descarguei, ao comezo, a versión gratuíta e esta só permite crear unha proposta feita por nós, é dicir, habería que crear unha, e o día que todos a tiveran feito e gardado borrar e crear outra, ou ter distintas propostas en distintos iPads e que vaian rotando, tamén teremos que gardar todas no memso perfil...
O certo é que a versión completa non chega aos 4 euros, así que ao final pareceume unha boa inversión (tendo en conta outras apps similares que teño empregado).
Sen dúbida podemos comezar coa versión gratuíta para probar o seu funcionamiento na aula e despois valorar a merca da app.

De tódolos xeitos, se alguén coñece algunha app que cumpla con estas funcións estaría encantada de sabelo para probar outras, xa que polo de agora esta foi, por moito, a mellor deste tipo.

Na web da app hai un montón de información, ideas por niveis, unidades o leccións feitas por profes e unha comunidade bastante activa así que nunca está de máis botar un ollo.

Veñen de lanzar tamén unha versión só para expresión oral, "Tell about this" máis enfocada a infantil e primeiros anos sinxela, sin distraccións, só unha proposta visual, e botón para gravar as ideas dos rapaces. Gustoume moito!



Creo que o que escribín xa desprende que gostei moito deste descubrimento, que pensei que non atoparía, véxolle moito potencial para empregalo de distintos xeitos tanto a nivel de propostas coma de metodoloxía así que se vos coñecedes máis opcións de apps similares estaría encantada de saber delas!!

Se queredes botar unha ollada, nesta outa entrada falei da app Plickers, comentando como funcionaba e ideas para empregala porque sendo outro tipo de app completamente distinto tamén é unha das que seguen a estar no meu "top 5" de aplicacións para empregar na aula.

Saúdos desde a fiestra!


08/01/2017

Adiante co 2017! Ideas e actividades descargables para comezar o trimestre.

Bo aninovo a todos e todas!

Xa estamos aqui e a  unhas horiñas de comezar co segundo trimestre nos coles traio unhas activiades que podedes descargar se non queredes comezar o ano de súpeto nas aulas.

Ademáis de escoitar, comentar,  publicar coma se foran novas de un xornal, debuxar ou rapear as fabulosas historias que traerán ansiosos/as por contar os rapaces e rapazas podemos comezar o ano con algunha destas propostas.

O primeiro descargable son unhas fichas que podemos imprimir a unha ou media páxina e grapar coma un libriño sobre o 2017. Nel misturamos ideas sobre os gustos actuais, propósitos, e tamén algo de matemáticas xogando co número (2017). Esta pensado para 1º e 2º pero xa sabemos, que coa idea no miolo so temos que dotala de máis o menos complexidade para incluíla noutros cursos.


O segundo descargable tamén é para esos niveis e é un imprimible no cal se seguimos as sinxelas instruccións (doblar e cortar as liñas marcadas) convertirase nunha especie de libriño de lapelas nos que cada número do ano pídenos pensar un pouquiño e anotar algo no que queremos mellorar, ou compañeiros/as da clase aos que queremos coñecer mellor, etc.



Ademáis desto e das historias que nos contan neste día de volta ás aulas tamén gosto de facer a primeira proposta de escritura creativa do ano, facer algún xogo matemático coma este no cal digo cifras ou operacións que dean coma resultados os números aos que teñen que dar cor para formar un debuxo ou, neste caso o número 2017, tamén lemos algunha historia ou creamos unha en cadea...



E certo que todas estas ideas están orientadas aos primeiros niveis de primaria máis so hai que empregar un pouco de tempo e imaxinación para adaptalos, e se no libriño sobre o ano incluímos investigacións ou información sobre descubrimentos do 2016?, ou centerarios de...?, ou datas que se conmemoraron nese ano? O traballo e tan amplo coma desexemos! 

Sen máis, agardo que algo vos sexa de utilidade nalgún momento, deséxovos moi bo regreso ás aulas e que este ano estea cheo de cousas boas, eu pídolle un pouco de tempo xa que teño un montón de recursos, apps, e historias pendentes de partillar por aquí! Prometido!

Saúdos desde a fiestra!