Páxinas

30/03/2017

Xogando coas mates (I) por estacións para 1º e 2º

Bo día!

Hoxe gosto de traervos un material sinxelo, útil e divertido para matemáticas dos primeiros niveis de primaria.




Xa había demasiado que o meu compañeiro de nivel e máis eu tiñamos a idea na cabeza e, por fin, materializouse (ás veces non é sinxelo roubar tempo ao tempo). 

O obxecto deste material é que, unha sesión de matemáticas á semana se invirta en xogos e actividades lúdicas matemáticas por estacións (ou por rincóns como se lle chama en infantil).

Aquí traio a prensentación de 5 sinxelos xogos que empregan material moi accesible e habitual coma dados, barallas de cartas ou dianas (desas de velcro que andan apartadas polos almacéns de Educación Física ou feitas na propia clase).

A intención é dividir a clase en cinco grupos que irán rotando polas distintas estacións durante a sesión de matemáticas. Cada actividade está pensada de xeito que o alumnado poña ao servizo do xogo destrezas e estratexias matemáticas correspondentes ao seu nivel con crecente acerto.

Estes primeiros cinco xogos traballan estratexia, operacións básicas, cálculo mental, sistematización, decenas e unidades, etc. dun xeito lúdico favorecendo a interiorización de conceptos aos que dotamos de significatividade.

Por exemplo, o primeiro xogo, chamado "Achégate a 99" ao que temos xogado en gran grupo é un éxito. Neste xogo cada equipo ou participante emprega unha plantilla como a seguinte (moitas veces facíamola a man pero tendo algunhas plastificadas para a zona vale para que poidan escribir con rotu e borrar) e realízanse 6 tiradas de dado.




En cada tirada o participante ou equipo debe escoller entre a decena e a unidade (por exemplo, se sae un 4 deben elexir se nese punto querer sumar 4 ou 40), unha vez que todos/as seleccionaron, tírase o dado de novo, e así ata as 6 veces.
Unha vez feitas 6 tiradas súmanse as decenas e unidades seleccionadas e gana aquel equipo ou participante que máis se achega a 99 e non excede a cantidade (débese comprobar a conta). 

Decenas, unidades, cálculo, estratexia, incluso podería dicir que soñan con algo de probabilidade intrínseca ("Non creo que volva saír un X vou poñer o Y!"), emoción, etc. todo iso e máis nun xogo sinxelo, divertido e moi agradecido. E ao igual que con este, tamén cos demáis xogos que engado, desde a archicoñecida e tradicional "Escoba" ao 20-20 ou o "Eu prometo" propostas lúdicas e sinxelas para o desenvolvemento de habilidades matemáticas

Aquí podedes descargar as ideas nos cartaces que empregamos en cada "estación" que conteñen as reglas básicas do xogo por se algo nos esquece.



A intención é que as "estacións" varíen, cambiemos os xogos cada certo tempo explorando distintas posibilidades e recursos, así que pronto teredes máis novas e material por este blogue.

Agardo que vos sexa de interese ou utilidade.

Saúdos desde a fiestra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario