Páxinas

30/04/2017

Letras Galegas 2017

Boas!
Chega maio e non pode faltar a aportación para o Día das Letras Galegas.

Se xa redes visitado un pouco o blogue saberedes que os proxectos que involucran traballo en grupo, algo creativo e podemos engadir algo de vídeo gústanme moito xa que soen dar moi bos resultados, o grupo adoita implicarse moito e sempre superan con creces os obxectivos propostos.

O primeiro que traio é un mini-video proxecto, moi sinxelo e guiado para poder desenrolalo con nenos/as desde 1º (con maior nivel de intervención).

(Clic na imaxe para acceder á web)

Trátase de coñecer un chisco da obra de Carlos Casares coa fin de despertar curiosidade para adentrarnos las historias de Toribio, os contos da Galiña azul, etc.

Imos seleccionar un trociño dunha das súas obras ou un poema e planificar unha idea creativa a partires do texto, é dicir, hai que reflexionar sobre o contido do texto e o seu significado.
A idea inicial é realizar un micro-vídeo en stop motion mais xa sabemos que cada grupo é un mundo e pode achegar outras ideas que poderemos acoller.

O vídeo incluirá tamén audio do texto que se representa e pretendemos que sexa un pequeno spot, unha suxerencia para lectores, un pequeno xerme que esperte interese e curiosidade, ganas de descubri-la obra de Carlos Casares, en definitiva.

Pero aínda hai máis, estiven preparando unha caza do tesouro empregando códigos QR para facer pola escola, o certo é que o material completo non é adecuado para calquera centro xa que inclúe pistas que só a comunidade de cada cole descifraría como:

 "No mar de libros do cole 
o animal máis tranquilo ten a segunda proba" 

Esa pista lévanos á biblioteca (mar de libros) onde hai unha parede cunha balea pintada. A balea é a mascota dun proxecto de centro sobre atención e calma, e, por tanto, "o animal más tranquilo", pero  aínda así, aquí paso a miña idea, ao mellor inspira outras para os vosos centros.

1. Preparei preguntas sobre a vida de Carlos Casares como:

"O Camiño leva a esta cidade donde Carlos se fai mozo, devorando ata os libros prohibidos polo galego loitando moito".

2. Tamén retos (recitar, gravarse representando un diálogo moi curto de "As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas", crear unha nova portada para "A Galiña Azul" ou deseñar un "doodle" de Google para conmemorar o día das Letras Galegas).

3. E empregando ActionBound creei o xogo de pistas co cal deberán percorre-lo centro dando resposta aos retos, escaneando os códigos QR e avanzando ata a última proba.

Unha alternativa mais sinxela que ActionBound é Qr Treasure Hunt Generator, non é tan completa pero fai perfectamente a súa función, só terás que darlle a cada equipo ou neno/a unha ficha de recollida de respostas aos retos e preguntas xa que non é autocorrexible, entón poden presentar esa ficha na proba final onde se comprobarán os puntos acadados, retos superados, etc. por exemplo, pode establecerse un mínimo de puntos para acceder á proba final de xeito que teñan que repetir algunha proba se non chegan cos suficientes retos superados.


Tamén elaborei este pequeno xogo de preguntas de localización que emprega Google Maps, se accededes o xogo vai facendo preguntas da vida e obra de Carlos Casares relacionadas con localizacións que debedes atopar no mapa para superar as misións (son moediñas), todas as preguntas coido que contan con suficientes pistas de xeito que aínda que non se coñeza a resposta sexamos quen de buscala cunha breve investigación e localizala para aprender sobre estos feitos. (Agardo que vos guste!)


Ademáis nada coma mergullarse na biblioteca e botar contas dos exemplares que temos do autor (Galaxia ven de re-editar a colección de contos de Toribio!) así coma dos numerosos recursos impresos, fichiñas que elabora o Seminario Galán cada ano ou outros ben chulos da web Primavera das Letras.



Agardo que vos sexa de interese!
Saúdos desde a fiestra! Feliz maio a todos/as!



1 comentario: