03/10/2018

Volve o Samaín!

Boas! O curso vai avanzando e cando nos queramos decatar xa está aquí o Samaín!

Aquí quero deixar algún material e ideas que emprego nesta época, desta volta traio un material que fixen para empregar na aula de música aínda que se pode empregar noutros ámbitos como en lingua xa que de rimas e poemas vai a cousa.



O primeiro que facemos é ler unha pequena rima ou poemiña e, entre todos/as aportar as opcións de efectos de son ou musicalización para preparar unha representación. Podemos empregar percusión corporal, obxectos cotiáns e da aula (follas, bolis,...) e/ou instrumentos tamén.

Nunha segunda fase divido á clase en pequenos grupiños e cada grupo recibe outra rimiña, nese texto deben decidir e marcar as partes susceptibles de ter efecto de son, despois escoller como farán o efecto e finalmente ensaiar a representación para facer a lectura con efectos diante da clase e mesmo gravala.

Hai unha última fase na que os grupos reciben unha folliña para crear a súa propia poesía susceptible de ser musicada e fan un proceso semellante.

Podedes descargar todo ese material aquí!


Para os días previos de Samaín tamén preparamos algúns talleres ademáis da lectura de historias, repaso da tradición, etc.

Algúns recursos que me gusta empregar son:
  • Os clásicos dados de historias en versión "de medo". (Esas "entradas" que vedes aí ao lado empregoas se, por exemplo, imos ver unha curta ou vídeo de xeito que cunha pregunta, problema ou reto cada un teña que gañar a súa entrada)


  • Nubes ou tarxetas de palabras que sirvan como inspiración para crear os nosos conxuros (os conxuros riman!)
  • Talleres para a creación de decoracións para aulas e portas (portas ao alén).











  • Xogos (un sempre útil "memory" de Samaín (Tiger) e a miña recente adquisición, o xogo de mesa "A noite do meigallo" de Brazolinda xogos, é un xogo de taboleiro no que se deben ir resolvendo pequenas adiviñas para conseguir ingredientes para as pocións coas que xuntar un universo (lúa, estrela e planeta), é bonito, funciona para nenos/as desde ben pequenos/as,  está en galego e ademáis a temática é perfecta para o samaín.
"Érase unha vez un grupo de meigas que se xuntaron para facer do seu mundo un lugar mellor. Cos seus coñecementos de maxia, de herbas e de cantigas ancestrais comezaron a xuntar ingredientes nun pote para ver que pasaba. E o que pasou foi que lograron crear un mundo especial no que a lúa, as estrelas e os planetas se aliñaron de maneira marabillosa."

Finalidade do xogo: O xogo consiste en ir resolvendo adiviñas polo taboleiro adiante e obter os ingredientes necesarios para elaborar os meigallos.



Traballa o razoamento e a reflexión, fomenta a curiosidade, facilita a comprensión lectora e a capacidade de análise

  •  Tamén emprego algunhas propostas de escritura ou expresión creativaEntrevistas, artigos, historias de ficción, pócemas, entradas de diario, acrósticos, novas de xornal, opinións, descripción de seres, momentos,...
  • Por suposto, na biblio tamén facemos unha selección de contos e libros relacionados coa temática para telos máis á vista estos días.
  • Non esquezo a ligazón a ESTA ENTRADA na que podedes atopar un libriño descargable sobre o medo que fixen empreguei en varios cursos e funcionou moi ben e con resultados moi interesantes.
  • E tamén este material do conxuro danzado que podedes atopar NESTA OUTRA ENTRADA no que, a través dun conto, facemos unha danza (a dos 7 saltos) coma se cada movemento (salto) fora un paso para lograr cumplir o conxuro que devolva ás meiguiñas os seus sombreiros.

Seguro que hai cousas que me quedan non tinteiro máis agardo que algo vos poda ser de interese ou utilidade...

Saúdos desde a fiestra e feliz outubro!