Boas! O curso vai avanzando e cando nos queramos decatar xa está aquí o Samaín!
Aquí quero deixar algún material e ideas que emprego nesta época, desta volta traio un material que fixen para empregar na aula de música aínda que se pode empregar noutros ámbitos como en lingua xa que de rimas e poemas vai a cousa.
O primeiro que facemos é ler unha pequena rima ou poemiña e, entre todos/as aportar as opcións de efectos de son ou musicalización para preparar unha representación. Podemos empregar percusión corporal, obxectos cotiáns e da aula (follas, bolis,...) e/ou instrumentos tamén.
Nunha segunda fase divido á clase en pequenos grupiños e cada grupo recibe outra rimiña, nese texto deben decidir e marcar as partes susceptibles de ter efecto de son, despois escoller como farán o efecto e finalmente ensaiar a representación para facer a lectura con efectos diante da clase e mesmo gravala.
Hai unha última fase na que os grupos reciben unha folliña para crear a súa propia poesía susceptible de ser musicada e fan un proceso semellante.
Para os días previos de Samaín tamén preparamos algúns talleres ademáis da lectura de historias, repaso da tradición, etc.
Algúns recursos que me gusta empregar son:
Os clásicos dados de historias en versión "de medo". (Esas "entradas" que vedes aí ao lado empregoas se, por exemplo, imos ver unha curta ou vídeo de xeito que cunha pregunta, problema ou reto cada un teña que gañar a súa entrada)
Nubes ou tarxetas de palabras que sirvan como inspiración para crear os nosos conxuros (os conxuros riman!)
Talleres para a creación de decoracións para aulas e portas (portas ao alén).
Xogos (un sempre útil "memory" de Samaín (Tiger) e a miña recente adquisición, o xogo de mesa "A noite do meigallo" de Brazolinda xogos, é un xogo de taboleiro no que se deben ir resolvendo pequenas adiviñas para conseguir ingredientes para as pocións coas que xuntar un universo (lúa, estrela e planeta), é bonito, funciona para nenos/as desde ben pequenos/as, está en galego e ademáis a temática é perfecta para o samaín.
"Érase unha vez un grupo de meigas que se xuntaron para facer do seu mundo un lugar mellor. Cos seus coñecementos de maxia, de herbas e de cantigas ancestrais comezaron a xuntar ingredientes nun pote para ver que pasaba. E o que pasou foi que lograron crear un mundo especial no que a lúa, as estrelas e os planetas se aliñaron de maneira marabillosa."
Finalidade do xogo: O xogo consiste en ir resolvendo adiviñas polo taboleiro adiante e obter os ingredientes necesarios para elaborar os meigallos.
Traballa o razoamento e a reflexión, fomenta a curiosidade, facilita a comprensión lectora e a capacidade de análise
Tamén emprego algunhas propostas de escritura ou expresión creativa. Entrevistas, artigos, historias de ficción, pócemas, entradas de diario, acrósticos, novas de xornal, opinións, descripción de seres, momentos,...
Por suposto, na biblio tamén facemos unha selección de contos e libros relacionados coa temática para telos máis á vista estos días.
Non esquezo a ligazón a ESTA ENTRADA na que podedes atopar un libriño descargable sobre o medo que fixen empreguei en varios cursos e funcionou moi ben e con resultados moi interesantes.
E tamén este material do conxuro danzado que podedes atopar NESTA OUTRA ENTRADA no que, a través dun conto, facemos unha danza (a dos 7 saltos) coma se cada movemento (salto) fora un paso para lograr cumplir o conxuro que devolva ás meiguiñas os seus sombreiros.
Seguro que hai cousas que me quedan non tinteiro máis agardo que algo vos poda ser de interese ou utilidade...
Esto está a piques de comezar! Como sei que a moita xente lle pode ser de utilidade subo esta sinxela axenda docente descargable que fixen.
Como podedes ler en entradas doutros anoseu teño case toda a labor de calificacións, anotacións, programación, etc. dixitalizada (emprego principalmente iDoceo, moi útil e completa pero con moitísimo que trastear) así que esta axenda é en esencia un simple planificador xa que procuro que sexa moi lixeiro, de feito, sabedes por outros cursos que adoitei imprimir por trimestres para non levar peso de máis.
Aquí tedes o curso completo:
Portada
Páxina de datos
Calendario escolar
Horarios
Planificador dos tres trimestres con candasúa portada.
Páxinas de reunións
Notas ao curso que ven
Todo iso listo para que imprimades e empreguedes coma mellor vos conveña (enteiro, por trimestres, con máis follas para reunións ou notas, eliminando partes, etc.)
Con folgos e moitas ganas de ir subindo cousas que teño pendientes pecho esta entrada, agardo que todos e todas teñades moi boa entrada no curso, a disfrutar!
Chega agosto e pouco a pouco vai voltando a actividade...
Para ir abrindo boca ao novo curso traio algunhas ideas arredor da novela Wonder, é que tiña xa moitas ganas de falar dela polo blogue.
Wonder é un libro (e unha colección) protagonizada por August Pullman, e o certo é que é moi difícil que, se cae nas mans dun docente, este poida resistirse a levalo ás aulas porque é unha marabilla, é coma se todos/as pensáramos "esto é preciso que o lean os rapaces/zas" e, de feito,o movemento xerado por este libro en aulas de todo o mundo é enorme.
O caso é que Auggie é un rapaz de 5º de primaria, ten 10 anos e o síndrome de Treacher Collins, un trastorno xenético caracterizado por malformacións craneofaciais.
No libro "Wonder, La lección de August" [CAST] é el mesmo quen nos conta as experiencias, sensacións frustracións e superacións que vive cando por fin asiste ao cole e tamén distintos personaxes contan a historia desde o seu propio punto de vista.
Aquí traio un material de libre descarga que preparei, neste caso, para empregar cando todo o grupo le a novela ou nun clube de lectura... e está dividido en 4 partes.
A primeira sección do material son preguntas (abertas e pechadas) sobre cada parte do libro para promover o debate, a comprensión e a reflexión.Pódense ir facendo todas, só algunhas, unhas en conxunto e outras de xeito individual...
A segunda son unhas tarxetas de propostas de escritura breve (un ou dous parágrafos) relativas ao libro e esixen un pouco máis de reflexión e elaboración que as preguntas iniciais.
A terceira parte son unha serie de actividades propostas que abranguen distintos estilos (cómic, crítica literaria, poesía, arte...)
E a cuarta é para a realización dunha tarefa en equipo, neste caso unha campaña fotográfica, inclúe as indicacións, pasos, ficha de idea e boceto do grupo e tamén a rúbrica para que a poidan ter presente en todo o proceso.
Coido que si botades unha ollada ao material entenderedes mellor todo isto.
O certo é que o libro parece perfecto para os rapaces da mesma idade de August pero tamén é moi sinxelo de ler e cada parte está dividida en mini capítulos de apenas unha páxina; xenial para traballar a distintos niveis, en distintos momentos e de distintas formas xa que se adapta desde tempos moi curtos de lectura compartida e traballo a procesos máis longos, así que se aínda non lle botaches unha lectura, anímote a que o fagas.
Por certo, uns apuntes finais; aínda que este material está en galego, de momento, a novela non está traducida e a lectura facémola en castelán e outra cousa interesante é que se fixo unha peli baseada no libro que pode ser un bo recurso para culminar todo o traballo sobre o mesmo! Pouco a pouco volto á fiestra con máis cousiñas, agardo que esteades a disfrutar do verán! Saúdos desde a fiestra!
Aproveitando que este ano teño máis dunha área cun grupo de 1º de primaria decidín crear unha cápsula do tempo con eles/as. Si, unha cápsula do tempo!...só con nomeala estoupou a emoción na aula, de veras!
A cápsula será unha caixa na que gardar varias cousas sobre hoxe en día e que será custodiada polo centro (viaxe á caixa forte incluída) ata a data prevista de apertura, e, en canto se lle comunicou aos rapaces/zas de primeiro mostráronse entusiasmados pero... que terá a nosa cápsula?
Nunha cápsula do tempo podemos meter moitas cousas: imaxes de obxectos ou "modas" recentes (cromos, bailes, cancións, xoguetes...), listas de prezos como "hoxe un café vale...", recortes de xornais... a nosa opción foi enchela de "cousas sobre nós".
Para enchela preparei unhas tarxetas que cada un deles debe completar e gardar nun sobre.
A escrita do seu nome, o seu autoretrato, unhas fotos, algo sobre os seus amigos/as, o que pensan que queren ser de maiores e tamén, o que probablemente lles fixo a maior ilusión: unha mensaxe de audio ao seu "eu" do futuro. Que lle dirían ao "eu" de sexto? (Agardo que..., non esquezas...). (Pegamos uns códigos QR que conteñen o audio e agardamos que funcionen no futuro, por se non fora así meteremos un pendrive tamén na cápsula) Aquí podedesde descargar todo ese material por si o queredes empregar!
Unha vez que todo está completado, as tarxetas van aos sobres e dos sobres á cápsula, esta cápsula queda pechada baixo chave con data de apertura: Xuño de 2023 (estos rapaces/zas estarán rematando 6º de primaria) soprenderanse do que hai dentro? O tempo dirá! O certo é que a idea é moi sinxela mais resultoume un bo xeito de ir pechando este primeiro de primaria (ou infantil...) e agardo que vos sexa de interese ou utilidade! Saúdos desde a fiestra!
Como xa fixen outros cursos aquí ven "A conta atrás", só hai que escoitar cantas veces nos din eso de "faltan 29 días para o meu cumple", "dentro de 37 días vou..." e demáis para saber canto lles gustan estas cousas das contas atrás aos rapaces/zas.
Eu, adoito facer unha conta regresiva á fin do curso na que cada día imos abrindo unha actividade distinta durante os 10 días finais. Eles/as agardan o momento de abrir a sorpresa diaria con emoción e pasámolo xenial, a verdade. Nesta ocasión atoparmos actividades de equipo, xogos, manualidades, bailes...
Este especial "calendario de advento" fíxeno en formato dixital e pódese empregar na pizarra da aula... se pasades por enriba do botón de cada número atoparedes a actividade proposta e o recurso ou descargable se o precisa aínda que poderían meterse as tarxetas das actividades en globos que se van estourando co paso dos días, sobreciños... esas cousas!
(Tamén podes acceder a esta conta atrás directamente facendo clic NESTA LIGAZÓN)
Agardo que vos sexa de utilidade ou inspiración a conta ou algún dos recursos que podedes ver ou descargar dela e pronto máis cousas dos días finais! Saúdos desde a fiestra!
Nin cedo nin tarde, unha vez máis achégase o maio e a correspondente celebración do Día das Letras Galegas. É unha das miñas conmemoracións favoritas pola oportunidade que da, cada ano, de descubrir un autor (neste caso autora, por fin, "só" levamos un balance 54-4...) cos cales ir seleccionando os que máis nos gustan, os que non, as obras que máis nos chaman a atención, as vidas dos escritores/as galegos, etc.
Aquí déixovos a web que elaborei na que creei unha serie de recursos que irei empregando con distintos grupos do meu cole, o certo é que ata o día das Letras é moi probable que esta entrada se amplie en contidos mais vou deixando unha serie de ideas e recursos.
Biografía sonorizada: Unha biografía da autora, escrita para descubrir nela non só a súa traxectoria vital senon tamén seccións susceptibles de ser sonorizadas e ás que lles engadiremos os nosos efectos de son. Poderedes atopar as actividades paso a paso e tamén o material descargable que emprego.
Fichas descargables: 6 fichas descargables para o traballo sobre anacos de obras da autora coas que descubrir a esencia da galardoada.
Regueifa das Letras: Actividade coa que traballar a regueifa, arte da improvisación versada a través da vida e obra da autora e da propia conmemoración. Atoparedes como desenvolvo a actividade paso a paso e o material descargable correspondente.
Pílulas de Victoria: Actividade de traballo audiovisual co que sumerxirnos nun mini-proxecto en grupo para a difusión da vida e obra da autora e ao que incorporaremos realidade virtural nunha fase final. Tamén está o paso a paso e o material.
Concurso das Letras: Mini concurso ou test ao estilo do 50x15 sobre a conmemoración e a galardoada e a súa obra.
Como xa contei NESTA outra entrada, é moi motivador e gratificante o feito de aprender empregando curiosidades e enigmas, facendo que esperte a curiosidade e o gusto polo coñecemento.
Xa vos contara que me daba moi bos resultados engadir esta tarefa nalgún curso coma un reto que voluntariamente e de xeito semanal (ven puidera ser quincenal ou en calquera outro intervalo que consideremos) o alumnado vai resolvendo.
Todos e todas anímanse coa resolución de retos de xeito que non só estimulamos a curiosidade e valor do saber senón que tamén adquiren destrezas no tocante á pequena investigación, búsqueda eficaz de información, comunicación, etc.
Desta volta traio 10 novos retos (voltan estar enfocados ao ámbito artístico) que podedes descargar aínda que se poderían plantexar outros moitos de calquera tipo! (tamén podedes ver e descargar os 15 anteriores nesta outra entrada).
Veño contarvos un experiencia que preparei e aplicamos o trimestre pasado xa que foi un éxito rotundo.
A pesar da limitación horaria da área de educación musical nas escolas nesa horiña semanal facemos moitas cousas con moito valor traballando artes, ritmos, práctica musical en xeral e, moi importante, a colaboración, empatía, sentimento de grupo, valores sociais fundamentais, creatividade, etc. así que, como culmen ao trimestre pasado púxenme a facer unha escape room adaptada á miña aula e contexto.
Si, unha escape room, estos xogos que se volveron tan populares entre adultos e pequenos nos que unha narrativa suxerente leva a un grupo a superar distintos retos por lograr un fin último (ben sexa saír dunha habitación, atopar unha vacina, descubrir un misterio...)
A experiencia foi incríble, funcionou de fábula no grupo acadando todos os obxectivos propostos, claro, unha nova edición incluirá sempre melloras pero o conxunto do exercicio foi moi enriquecedor e unha forma moi divertida de "resumir" reto a reto e en equipo moitas das cousas que fixemos no trimestre.
Así que aquí veño contarvos o proceso e mostrarvos o que eu fixen por si alguén o quere empregar ou lle serve como apoio. Resumín o proceso en 10 pasos esenciais para crear a escape room educativa, velaí vai!
1. Os obxectivos: Claro, toda acción educativa persegue desenvolver unhas competencias e acadar uns obxectivos e esta tamén, así que establecín os meus. (Traballar en equipos con respeto, responsabilidade e participación activa, mostrar coñecementos sobre notación musical, mostrar discriminación auditiva en relación a distintos compoñentes, etc.) (Por certo, incluín unha parte de avaliación (está na web) que vin co alumnado previamente, importante)
2. A historia:
Debemos crear unha trama que poida ser estable e relacionada co que se queira desenvolver pensando tamén no entorno no que terá lugar, etc. pode ser atopar unha vacina, desactivar un artefacto, atopar un culpable...).
No meu caso presentei a unha afamada compositora desaparecida antes da publicación da súa "obra mestra", esta compositora pide atopar e salvargardar a súa obra antes de que unha corporación se apropie dela negando a súa autoría e modificándoa dacordo con patróns do mercado musical. Para atopar a obra ela deixa distintos retos que só os seus "mellores aprendices" poderán superar pero deben ser máis rápidos que a ameazante corporación.
Ademáis para introducir a historia proxectei un vídeo que fixen, coma motivante da actividade.
3. O logro final:
Decide o logro final que culminaría a historia, neste caso o "rescate" da obra que está en perigo. Coma suxerencia, o que eu plantexei é que este logro se acada a través da suma da superación de retos de todos os equipos, é dicir todos os equipos rematan por contribuír ao logro final.
4. Patrón:
As escape rooms poden ter patróns diversos, no patrón lineal unha serie ordenada de retos levan directamente ao logro final, no aberto os puzzles ou retos poden ser asumidos en calquera orden pero o puzzle final será un "metapuzzle" e o multilinear é unha combinación, é dicir, varios patrones lineales con retos que se poden asumir á vez poden requerir doutros para continuar.
A forma máis sinxela que eu atopei foi unha especie de combinación, cada equipo sigue un patrón ordenado de retos, un reto da a clave para chegar a outro de forma secuencial (os equípos pódense cruzar nalgún punto, nunha caixa con candado...) e o reto final acométese con pistas de todos os equipos.
5. Retos tipo.
Chega o punto de pesar os retos que queremos incluír, eu penseinos coma actividades ligadas á historia cuxa resolución dan unha clave, pista, chave... tendo en conta o tempo no que se desenvolverá a escape room, no meu caso era unha única sesión na que cada equipo acometería 5 retos distintos.
Establecín cinco tipos de retos cuxo contido e pista que daban como solución eran distintos para cada equipo pero todos os equipos tiñan retos dos cinco tipos (de notación musical, de investigación ou coñecementos traballados, de escoita...)
Algúns resolvíanse en papel, outros levaban a unhas páxinas webs preparadas que solicitaban unha clave (resolución do reto) para acceder, etc.
6. Distribución:
Neste momento puxen cada reto no esquema do patrón de xeito que soupera a onde debe levar cada resolución, que tipo de pista debe dar cada un, etc.
Tendo os cinco tipos de reto (por exemplo, tipo 1: escoita, preparei un reto de escoita para cada equipo) púxenos nunha orde distinta en cada liña do patrón (cada liña do patrón corresponde a un equipo) tendo en conta que non coincidiran varios equipos nunha proba que precisase ordenador, etc.
7. Listado:
Chegado este punto a esencia da escape room estaba conseguida, sabía a historia, como desenvolvela, os retos e as solucións que debían dar cada un así que chegou o momento de listar os recursos que precisaba tanto materiais (merquei candados, caixas...) coma outros (ordenador de aula, altavoces, outro dispositivo...) e tamén os lugares no espazo que ía empregar para que os equipos non se interrumpiran, puxen no patrón onde se desenvolve cada acción.
8. Produción:
Con todo controlado fixen as follas dos retos (actividades) que precisaba, a web dos retos auditivos, as webs que precisan clave para dar unha nova pista e tamén 3 tarxetas de "pista" para cada equipo, estas tarxetas tíñaas cada equipo para empregar se se atascaban, precisaban axuda, etc. Tamén se fallaban nalgunha proba das da web esta poñía unha mensaxe que pedía que entregaran unha tarxea "pista" á mestra para poder ser redirixidos de novo á proba.
Aquí e facendo clic na imaxe, podedes acceder á web, para botar unha ollada e tamén ao documento con algúns dos retos.
Non foi in-situ mais comprobei cada liña do patrón de cada equipo vendo que cada resolución levaba á pista correcta e á localización na aula que eu precisaba, que non levaba a equívoco etc.
Esta proba serviu para identificar as normas básicas que debía indicar aos equipos antes de comezar tales como:
As pistas, probas, retos, etc. en papel están marcadas coa cor/nome de cada equipo, se no transcurso atopamos unha dun equipo que non é o noso, ben sexa escondida na aula, nunha caixa con candado, etc. non debemos collela, deixarémola onde está e se estaba nunha caixa pechada colleremos o noso e cerraremos de novo.
Aínda que no transcurso atopemos nun lugar oculto un dos nosos retos este só poderá acometerse se a pista anterior é a que nos leva a el.
No caso de chegar a unha proba que precise ordenador/ dispositivo se este está sendo empregado por outro equipo agardaremos, as probas están plantexadas para que esto non suceda na medida do posible así que, probablemente lles falte moi pouco para rematar.
10. Disfruta!
Con todo listo só falta chegar algo antes á aula para distribuir en todos os escondites as probas e pistas, situar as caixas e candados, etc. e presentar a actividade ao alumnado.
A ver, sei que así escrito parece moitísimo pero unha vez que están definidos os puntos iniciais todo vai rodado, prometido. O resultado foi xenial e xa estou con outra bastante diferente entre máns, ademáis pódense preparar de moitas formas, involucrando a máis grupos, facendo que a resolución implique que os equipos intercambien pistas, empregando máis espacios ademáis das aulas, etc. e con diversos obxectivos: coñecer vida e obras dun/ha autor/a, centrarse na resolución de retos matemáticos, desgranando partes da Historia, facendo que as probas leven a construir unha historia ou poema, etc. Sei que a entrada foi longa, pero agardo non ter deixado nada no tinteiro e que vos sirva de axuda ou vos resulte interesante. Saúdos desde a fiestra e feliz entroido!
Chega xaneiro e con el o Día escolar da Paz en Non Violencia. Ás veces semella moi superficial esta conmemoración pero darlle peso que merece é, para min, moi importante.
Por suposto, a educación pola paz e outros valores é un percorrido diario na escola, é algo que se fomenta e traballa día tras día e hora tras hora con palabras e con feitos pero esto non resta importancia á celebración do día sinalado xa que este é unha oportunidade anual única para deterse, falar, pensar, compartir, reflexionar, descubrir...
Para min, non importa se escollemos unha causa, un personaxe destacado, unha nova de actualidade, unha acción local, un conto, citas... se o tratamos en xeral ou deténdonos máis nalgún aspecto; o que verdadeiramente importa é crer de verdade e transmitir que a paz non é un conto de nenos, que o día non vai de recortar unha pomba, que o día vai de recordar ao alumnado que eles son quen, que a súa voz está para ser escoitada e que eles son esenciais para facer a sociedade e o mundo mellor (e nós tamén).
Lembro que o curso pasado unha iniciativa chamada #CantaPorSiria que comezou nunha escola e percorreu centos de centros sumando máis e máis colaboradores/as, este ano sucede algo semellante. Perdeu tirón nos xornais pero a situación dos refuxiados nun e outro lugar é, se colle, peor este inverno.
A iniciativa deste ano leva o mesmo camiño que a anterior, a cuestión é, claro traballar sobre a problemática dos refuxiados (do mundo enteiro) desde o punto de vista dos valores, empatía, concienciación, servizo social, etc.
Aproveito para lembrar que tedes nesta entrada e nesta outra, dous proxectos sobre os refuxiados que fixen, o primeiro emprégoo en 1º/2º de primaria e o segundo é para niveis máis altos, son traballos bastante adaptables que vos poden dar materiais ou ideas para traballar o tema se así o queredes.
O caso é que a iniciativa, proposta polo grupo de mestres/as de música de Castela e León Imusicar non persegue só difundir unha canción, pretende que o tema se traballe nos centros e, a ser posible constribuír tanto coa acción educativa como coa canción e outras propostas a través de ONGs.
Nesta web reunín algún material e o centro da proposta que inclúe a base musical que fixeron, a adaptación da letra ao galego, o audio guía coa letra en galego... A canción comeza suave e só con piano pero pronto entran as percusións e guitarras e faise sinxela de preparar nas aulas.
Estamos de volta, mañá encheremos as aulas de novo!
Hoxe traio un recurso dos que teño feitos de bastante tempo antes de decidirme a organizalo todo neste blogue, a verdade é que, neste caso coma noutros, son pequenos recursos que preparei algún día e que sigo empregando ao longo do tempo pero que nunca lembro ir organizando e subindo aquí.
Este é o caso desta pequena partitura de percusión que fixen alá polo curso 2012-2013 ou 2013-2014 dunha canción publicada nese ano (2013) chamada Run boy run, de Woodkid. Naquel tempo estaba nun centro no que a aula de música dispoñía dun par de baquetas de caixa para cada alumno/a mais neste e outros cursos empreguei simples paus de madeira (dos de facer manualidades, á venda en bazares)
Coma poderedes ver no recurso, neste caso o grupo divídese en dous para facer o ritmo, mais é fácilmente adaptable para facelo ao unísono se así o desexamos, o traballo de ritmo, ademáis de esencial é moi divertido nas clases de música e se incorporamos as nosas "baquetas" e unha obra contemporánea a diversión aumenta por momentos.
O recurso é sinxelo pero tamén útil e efectivo e todos os anos foi éxito nas miñas sesións de música de 5º e 6º así que agardo que vos poida ser de utilidade sobretodo, claro, aos mestres/as de música.