Non estou desaparecida, ben, un pouco si, pero é que este curso está sendo bastante distinto aos anteriores e parece que non atopo o espazo de tempo necesario para ir subindo todo o que me gustaría gardar neste pequeno arquivo que é o blogue, aos poucos recuperarei o ritmo pois hai moitas cousas que teño ganas de conservar nesta fiestriña.
O caso é que en nada estaremos conmemorando o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, a "nosa escritora máis universal" cuxo relato da súa vida e obra veuse tantas veces alterado, contada, en ocasións, coma chorona, nostálxica chea de saudades e incluso de escritura sinxela e doméstica, esquece este relato engadir a súa preocupación pola condición e sorte das mulleres, presente en toda a súa obra, unha muller tamén transgresora, librepensadora e de profunda escrita.
Ben é certo que xa hai anos que distintos estudos se encargaron de devolver a Rosalía ao sitio que lle pertence así que sempre é posible acudir a eles para completar o relato.
Preocupada pola imaxe que se transmite acerca de esta escritora e acompañada polo proxecto de centro preparei unhas pequenas actividades para o alumnado dos niveis máis altos.
Todas as actividades parten da lectura dalgún texto de Rosalía, ben sexa un poema, un prólogo, un parágrafo dunha obra, etc, e a partir da lectura comezará o debate, a reflexión, as preguntas e, finalmente, todas as propostas incorporan algunha tarefa que precise un certo nivel de implicación e creatividade (crear cartaces, comics, fotogramas...)
Pensadas para traballar tanto en gran grupo coma en equipos, elaboreinas coma un punto de partida distinto ao "adios rios, adios fontes" ou á "negra sombra" que pode derivar en moi diversas perspectivas e enfoques.
Queda aquí o material de libre descarga por si vos é de utilidade e ao que tamén podedes acceder na web xunto con algún que outro recurso recopilado.
Fai clic aquí ou na imaxe para acceder
Saúdos desde a fiestra!
Ningún comentario:
Publicar un comentario