Non é ningún segredo que me encantan estas datas e sacarlles partido nas aulas; e se aproveitando que traballamos cincocentas cousas podo facer ao tempo que ao alumnado tamén lle interesen, divirtan e teñan querenza polo noso, pois mira...
Quedan aquí algúns xogos e materiais de Samaín que se suman a outros dos anos anteriores...
Se facedes CLIC aí ou na seguinte imaxe podedes descargar o PDF interactivo no que cada botón da esquerda do epígrafe vos leva directamente ao arquivo correspondente para descargar e empregar.
No arquivo hai desde xogos imprimibles a textos, un mapa para os Beebot, música...en fin, unha pequena escolma, un ano máis.
Van uns exemplos do que atopar:
Xogo "Onde vive quen", un sinxelo xogo de conversas con final aberto no que 8 personaxes (ánima, compaña, calvaquiño...) buscan o lugar idóneo onde vivir (cova, casa encantada, hórreo perdido...) as curtas descricións e a comunicación faran que tratemos de axudalos (instrucións no arquivo)
Manual das bruxas mariñeiras: Baseado no libro "O manual das bruxas" de Malcom Bird está este sinxelo "Manual das bruxas mariñeiras", eu imprimino coma "folleto" é dicir sendo cada páxina un A5 para ir completando os manuais.
Un mapa de misterios de Samaín:Un mapa dunha illa chea de misterios de Samaín que explorar cos Beebot. Está listo para imprimir e cortar cada peza axustado aos desprazamentos dos Beebot.
Atopa o argumento para a túa historia: Unha sinxela plantilla na que empregando a inicial, día e mes de nacemento podemos atopar unha idea da que xurda unha fantástica historia de Samaín.
Xornal de Samaín: 5 artigos adaptados e algunhas ideas de uso, ten un espazo na cabeceira de cada páxina para poñerlle nome ao xornal, pode ser o nome da biblio, da aula... (o noso proxecto deste curso vai da costa e cultura de mar de aí que moita temática intentemos relacionala...)
Seguramente deixo cousas polo camiño mais tamén podedes fedellar por entradas doutros anos e se algo vos é de utilidade, pois clic e listo para ser empregado.
Un ano máis deixo a miña axenda por se a alguén lle é de uitlidade, como digo sempre é un caderno moi sinxelo, o xusto para o que eu emprego, nin máis nin menos... eu avalío, anoto, etc. en dixital (no iDoceo) mais non logro renunciar a empregar a miña axenda diaria en papel... costume, supoño.
Se alguén quere os documentos só ten que facer clic e poderá descargar os arquivos listos para imprimir a dobre cara.
Hai un arquivo coa axenda en vertical na cal unha semana vai en dúas páxinas (é a que emprego eu) e outro formato máis compacto no cal a axenda ten un formato apaisado de xeito que cada semana completa sae nunha única páxina.
Actualización: Houbo algunhas persoas (catro, non pensedes) que preguntaron pola axenda interactiva que fixera o ano pasado... e velaí vai, adaptei de novo a axenda para que se poda empregar nos dispositivos (por exemplo con GoodNotes no iPad) e coido que quedou ademáis máis manexable que a do ano pasado!
Ademáis deixo uns arquivos cos calendarios soltos para imprimir a calquera tamaño e en vertical ou apaisado (eu emprego uns en A3 para a aula) e outro con algunhas páxinas adicionais por se son de utilidade (portadas, táboas, páxina de aniversarios...)
Velai vai, uns cantos arquivos dos cadernos para un novo curso que comezará, por se son de utilidade ou interese.
Boas, a verdade é que últimamente non estou subindo aquí as cousas... este blogue comezou coma un xeito de gardar experiencias, organizar os materiais... e, de paso, partillalos por se alguén lle eran de utilidade e é o que pretende continuar a ser... os ritmos dependen de moitas cousas, do meu tempo, da voráxine da escola mesmo das propias ganas, sen máis.
Hai varias cousas pendentes pero non quería deixar máis tempo sen partillar esto.
Estiven un tempo consultado e dando voltas arredor das Sensombreiro, e rematei por crear varias cousas.
Unha sala de fuga dixital: Esta sala comeza coa escolla dun dos 4 personaxes que a protagonizan; na aula eu dividin ao grupo en 4 equipos de xeito que cada equipo fixo a sala dun personaxe e na derradeira proba tiveron que xuntar un código de cada equipo para chegar ao logro final, (deixei tamén un apartado por se algúen traballa individualmente e non vai facer as castro misións para que poida acceder ao final por outra vía).
A sala é unha aventura na que ir descubrindo tempos, personaxes, obras e accións das Sensombreiro; mulleres artistas de distintos eidos que compartiros espazos, debates, tarefas e logros con todos os autores de renome da Xeración do 27 (Lorca, Alberti, Dalí...) pero cuxas vidas e obras quedaron sistemáticamente invisibilizadas. A sala de fuga está creada en web (uso preferible en ordenador) e debe empregarse con auriculares ou dispositivo de audio xa que hai moitas pistas, cavilacións, vídeos... para os que se precisa escoitar.
A sala é asequible aínda que esixe, coma calquera sala de fuga, poñer a traballar un pouco o miolo e buscar, probar, inferir, decidir... e procurei non deixar de lado o uso de material real e variado, ou anécdotas e imaxes da época á vez contextualizar, presentar historias e datos que non son, a priori, coñecidos polo meu alumnado.
Uns pequenos xogos de lóxica con tres niveis diferentes, estos xogos están compostos dunhas pistas ou afirmacións e unha grella na que ir marcando para descubrir nomes, profesións e obras dalgunhas das Sensombreiro, teñen unha versión dixital AQUÍ na que cun clic na cela esta se pon en verde, con dous clics márcase en vermello e se picas unha terceira vez borrarase a marca da cela (mais tamén fixen a versión imprimible que vai no documento completo)
Para o traballo sobre o contexto das Sensombreiro e a súa historia fixen tamén un material imprimible ao igual que preparei algunhas biografías descargables para empregar. Xuntei tamén unha sorte de propostas de traballo sobre as Sensombreiro que inclúo no documento así coma os citados xogos de lóxica de pistas e grella.
Todos estos materiais adicionais poden descargarse nun pdf completo NESTA LIGAZÓN.
Así que aquí quedan por se son de utilidade ou interese para alguén, agardo que esteades a ter un bo curso.